Ficha técnica
Título: Crusader Kings II
Director: Henrik Fåhraeus
Ano: 2012
País: Suecia
Temática: Idade Media
Categoría: Videoxogo
Crusader Kings 2 sitúanos nun amplo período de tempo histórico. Empezamos a fins do século VIII e, se sobrevivimos, chegaríamos ata mediados do século XV, é dicir, abrangue practicamente todo o período medieval. A temática é fácil de entender. Ao inicio da partida o xogador pode escoller ser un señor feudal, un conde, un duque, un rei ou un emperador, e a partir de aí, os seus desexos son o limite, sempre e cando o avatar chegue con títulos ata o final, xa que sen títulos, está GAME OVER. Para que iso non aconteza debe gobernar e xestionar os territorios que ten baixo o seu dominio e manter controlados aos seus vasalos. Nese sentido, o xogo ten bastante fidelidade histórica e as relacións vasaláticas aparecen moi ben retratadas. Así, os vasalos poden ser os grandes aliados ou a causa da derrota. O protagonista debe afianzar alianzas con eles e evitar complots, ou pola contra, conspirar contra eles. Situacións reais como o nepotismo, é dicir, o beneficio indebido dos familiares aproveitando para iso unha situación de poder, aparecen ben retratados e tamén ás súas consecuencias sendo esta unha das causas claras de derrota. O rei debe repartir títulos honoríficos tanto para achegar aos que esteen menos felices con el, como para premiar aos que lle son fieis, realizar matrimonios con señores estranxeiros para obter alianzas coas que medrar nas súas influencias, etc. Se xoga ben as cartas e certas persoas sofren “accidentes” podes pasar de ser o duque de Borgoña a ser o rei de Francia por matrimonio. Con sorte e, se ten sabido reformar as leis do seu territorio chegará un momento no que poderá ter aos teus vasalos sometidos e os riscos de ter rebelións diminuirán. Pero tamén poderá ser parte dunha loxia ou sociedade secreta e realizar misións coas que obter influencia e poder entre os teus irmáns. Sobre os seus conselleiros, debes de fixarse nas súas calidades e nas súas actitudes, e nas do seu personaxe.
Encanto as tropas, o xogo reflicte moi ben a importancia que tiña na época que o rei puidera contar con exércitos de zonas que controlara para así non depender dos seus vasalos. Un dos maiores acertos, é que o rei ten un límite de territorios, chamados condados, situación que se parece moito a que se daba na realidade xa que o rei destes tempos non deixaba de ser un señor algo máis importante que os demais.
No fondo e a través deste videoxogo temos un sensacional resumo de como foi evolucionando o mundo na Europa da idade media: dende os primeiros reis electivos que eran os primus inter pares ata os monarcas do século XV que xa tiñan postos os alicerces do que había de ser o proceso de consolidación do poder real que conclúe na centuria seguinte.
Aspectos como a fragmentación do poder e as súas consecuencias vense claramente neste xogo de estratexia que recrea moi ben ese fráxil equilibrio que houbo de darse para que dos reinos cristiáns se chegase a unificación baixo os Reis Católicos.
Ademais de recrear moi ben as estratexias e as relacións de poder, outra das grandes potencialidades deste videoxogo e o ben que retrata a vestimenta e as formas de vida da época.
Ficha técnica
Título: Europa Universalis IV
Director: Johan Andersson
Ano: 2013
País: Suecia
Temática: Idade Moderna
Categoría: Videoxogo
O outro xogo, é Europa Universalis IV, que nos leva á época moderna. Comeza no 1444, e chega ata a Revolución Francesa. A diferenza do xogo anterior a sociedade xa non se organiza por pactos vasaláticos. Na nova orde social, o eixo artellador son os estamentos e un dos obxectivos do xogo é que o estamento ao que pertence o xogador sobreviva.
En canto as diferenzas, en primeiro lugar, a economía, complicase moito más xa que tes inflación, impostos de guerra, gastos de mantemento do estado, ganancias do comercio, impostos por ser estado vasalo, etc Tamén aparecen os sentimentos nacionalistas e os desexos de liberdade, que poden dar lugar a rebelións e a perda de territorios. Neste sentido comentar a importancia da unificación relixiosa que ser a solución ou o motivo de importantes disturbios no territorio controlado.
Neste xogo cobran importancia os avances culturais como o Renacemento ou a imprenta, xa que a súa non incorporación pode provocar un maior custo dos adiantos tecnolóxicos. Por exemplo, isto é o que lle pasaba as colonias americanas onde as grandes correntes tardaban moito en chegarlle.
A diplomacia convertese nunha arte en si mesma, pódese: influenciar a Estados para que se convertan en vasalos, facer alianzas dinásticas, crear reclamacións sobre territorios, garantir a independencia de territorios, embargar provincias, etc. Tamén se reflicte a conquista de América. Para levala a cabo o xogador precisa de exploradores e colonos e, sobre todo, de ter tropas capaces de defender e controlar o territorio colonizado.
En resumen, se queres sentirte coma un gobernante e ter na túa man, o destino de nacións e de exércitos estes poden ser os teus videoxogos.
Nota final: Non vou mentir son moi quebradeiros de cabezas, pero cando lles pillas algo o truco, podes empezar sendo Marrocos, e conquistar Portugal, e garantir a independencia do reino musulmán de Granada antes de 1500, e todo iso mentres intentas unificar relixiosamente aos Chiíes.