martes, 12 de novembro de 2019

A terceira esposa


Ficha técnica
Título orixinal: The Third Wife
Ano: 2018
País: Vietnam
Dirección: Ashleigh Mayfair
Temática: Muller, Vietnam, XIX
Opera prima da directora vietnamita Ashleigh Mayfair que nos achega á difícil situación da muller do sueste asiático no século XIX. Unha situación que, con certeza, debeu ser moito peor do que a propia película reflicte.
Valéndose dunha coidada imaxe e dunha música sutil pero indispensable, o espectador adéntrase nun mundo que parece moi afastado de nós pero que, porén, foi a situación á que se viron abocadas miles de mulleres hai non moito.
A Terceira Esposa ofrece xa que logo un excepcional retrato da sociedade vietnamita do século XIX. Un mundo caracterizado pola existencia da poligamia, por importantes desigualdades sociais e por un adicación maioritaria á agricultura. Nese sentido un dos grandes acertos da película é a selección da protagonista e da historia. Non se precisan moitos acontecemento para reflectir esa realidade. A historia comeza coa voda da protagonista, unha rapaza de 14 anos que debe converterse na terceira esposa dun rico propietario rural. A través das imaxes e da coidada fotografía, podemos achegarnos a esa realidade dun mundo rural que por aquel entón aínda estaba moi pouco tecnificado e no que a principal forza de traballo seguía a ser a humana. Tamén se aprecian os inicios do monocultivo dun produto, o arroz. O resultado é un marabilloso exemplo de paisaxe natural, no que a acción dos homes a penas se deixa ver.
As fortes desigualdades sociais tamén aparecen excepcionalmente retratadas. Así, nesta sociedade un individuo non é libre para casar con quen quere. O seu destino está condicionado pola decisión dos seus maiores. Algo semellante ao que acontecía na Europa de cen anos antes.
Pero a cuestión central deste filme é un achegamento á muller no Vietnam do XIX. O machismo é a realidade imperante. Un dos maiores acertos do filme é como retrata as relacións entre as mulleres nun matrimonio polígamo: como amigas que colaboran pero que no fondo loitan por unha situación de predominio sobre as demais. No fondo as tres buscan o mesmo: ter un fillo varón que as convirta na nai do herdeiro e a favorita do marido.
Outra cuestión que se aborda é a da sexualidade pero con moita sutileza, tanta que en ocasións non queda clara a visión da directora. A película comeza coa voda dunha rapaza cun home moito máis maior. En ningún momento se ve na pantalla se ela goza desa relación pero si sabemos a través dos diálogos coas outras mulleres que ela “só sente dor”: Estamos nunha sociedade na que a sexualidade feminina queda relegada a un papel secundario. As mulleres non son donas do seu corpo, non teñen capacidade de decidir sobre si mesmas e o seu mundo xira en torno á idea de contentar aos homes da súa vida. Neste sentido, o final da película é todo a un acerto ao dar a entender, sen chegar a mostrar, as consecuencias que tiña este tipo de vida.
Como valoración final, comentar que A Terceira Esposa, é un marabillosa filme para achegarnos á realidade en Vietnam antes de todos os cambios que se produciron trala rápida industrialización do século XX. Oxalá, que a situación que reflicte fora só cousa do pasado. Porén, todos os indicios indican que a muller neste, e noutros moitos países da zona, está lonxe de conseguir unha verdadeira igualdade. Respecto da poligamia, formalmente está prohibida no país aínda que todos os indicadores coinciden en recoñecer que segue vixente no mundo rural.







Ningún comentario:

Publicar un comentario